Friday 17 de May de 2024

Feijóo presenta o Grao en Enxeñaría Aeroespacial que converterá Ourense no vértice da formación e a captación de talento do polo aeronáutico galego


Salienta que esta nova titulación permitirá aproveitar as sinerxías existentes entre a formación académica, a investigación punteira pública e privada e a industria do sector

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe, durante a presentación do Grao en Enxeñaría Aeroespacial, que esta nova titulación converterá Ourense no vértice da formación e a captación de talento do polo aeronáutico galego, “na porta pola que entre o talento para o noso polo aeronáutico e aeroespacial”.

Durante a súa intervención, Feijóo afirmou que Galicia está a apostar con firmeza polo desenvolvemento dun polo aeronáutico e aeroespacial que terá a forma dun triángulo con tres vértices: o das empresas, o industrial e o do talento. Nesta liña, explicou que Nigrán albergará o núcleo do sistema de intercambio de tecnoloxía. Alí terá unha sede Inaer, unha das principais empresas do sector, e se constituirá tamén a unidade de instrución e formación de operadores de sensores. O outro vértice estará en Rozas, no Centro de Investigación Aerotransportada, que acollerá un parque industrial e tecnolóxico de sistemas aéreos non tripulados para uso civil. E, o último vértice, o da formación e a captación de talento, estará en Ourense, onde se impartirá o Grao en Enxeñaría Aeroespacial.

O titular da Xunta subliñou que con esta titulación pecharase o triángulo do coñecemento aeroespacial, que permitirá aproveitar as sinerxías existentes entre a formación académica, a investigación punteira pública e privada, e a industria do sector.

Así mesmo, resaltou que se trata dunha titulación moi demandada e valorada, que na actualidade só se imparte en 10 universidades en toda España, incidindo en que este grao non só é un exemplo de cooperación entre institucións públicas e privadas a prol do desenvolvemento de Galicia, senón tamén un exemplo de colaboración dentro da Universidade de Vigo. Non en van, na redacción da memoria deste grao, participaron 6 departamentos da área científica da Universidade de Vigo, 14 da área tecnolóxica e 5 centros docentes –Escolas Superiores e Facultades-.

O presidente da Xunta quixo agradecer o compromiso da Universidade de Vigo, unha institución que, segundo lembrou, leva anos comprometida co coñecemento aeroespacial a través do traballo dos enxeñeiros do grupo de picosatélites desta Universidade, que traballa xa coa Axencia Espacial Europea e coa NASA.

Feijóo concluíu expresando o seu convencemento de que Galicia pode liderar un sector con moito valor engadido e potencial de crecemento; e facendo fincapé en que “o investimento e a innovación son dous factores esenciais do tecido económico”.